A rede “REPOBLAR”, inaugurada hoxe por Louzán, dará servizo a 350.000 persoas e aumentará ata o 96% a capacidade de conexión a Internet de Banda Larga na provincia.

28 OUTUBRO 2010O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, acompañado polo alcalde do Meis, José Luís Pérez, e o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Cores Tourís, inaugurou hoxe a posta en marcha do proxecto “Repoblar” (Rede Pontevedra de Banda Larga Rural) coa conexión do primeiro usuario desta, a familia de Ramón Fariña, veciña do municipio de Meis.

Primeiro usuario wimax

  O acto tivo lugar na vivenda familiar, onde Ramón e os seus puideron comprobar `in situ´a instalación e o bo funcionamento desta nova rede sen fíos que a Deputación de Pontevedra, a través do proxecto Wimax Rural, está a despregar na provincia para permitir a conexión a Internet en todas as zonas rurais onde non chegan as compañías convencionais.

Cobertura do 96% da provincia.

O operador de telecomunicacións ó que foi adxudicado o desenvolvemento desta rede é Iberbanda, quen, a través da súa marca “tngo” comercializará os servizos de internet de alta velocidade e telefonía fixa chegando a todas as zonas rurais da provincia onde outros non chegan. «Repoblar aumentará ata o 96% a capacidade de conexión a Internet de Banda Larga na provincia», confirmou Louzán, quen explicou «que isto significa que máis de 350.000 persoas terán en breves acceso á Banda Larga grazas a nosa acctuación».

1 Mb por 17 euros/mes.

O presidente provincial explicou que «o prezo deste servizo, 17 euros por 1 Mb de baixada e 384 Kb de subida, está entre os máis baratos de España e permite aforrar case 100 euros ó ano». Os usuarios, ademais, poden ter teléfono fixo por 6 euros e opción a contratar 2 Mb por 34 euros ó mes. A dada de alta no servizo é de 59 euros (incluída a instalación e os aparatos), se ben non se esixe compromiso de permanencia algún. Outros dos atractivos desta iniciativa é que se habilitará unha conexión gratuíta nos portos deportivos e na prazas públicas dos 55 concellos participantes, mediante tecnoloxía Wi-Fi.

¿Cómo funciona?

A rede Repoblar emprega unha tecnoloxía de comunicación sen fíos por ondas de radio (tecnoloxía WIMAX), o que permite o acceso a internet e á telefonía de xeito independentes ás liñas de telefonía convencionais. Para elo, a Deputación empregou 54 emprazamentos (21 de Retegal e 33 de nova construción) que permiten rebotar a sinal a todos os recunchos da provincia.

Igualdade de condicións e fixación da poboación rural

A posta en marcha deste proxecto, explicou Louzán, ten una dobre finalidade: «dun lado, contribuír a que os cidadáns de Pontevedra, vivan onde vivan, teñan as mesmas condicións e as mesmas oportunidades de acceder á Sociedade da Información», e, doutro e como consecuencia do anterior, «fixar a poboación do rural, para que a xente teña todo o que a sociedade lle esixe para vivir integrado sen necesidade de emigrar á cidade».

Un antes e un despois

Para rematar, Louzán, falou de que a rede Repoblar «marcará un antes e un despois na historia da provincia, pois supón levar a todos os recunchos unhas condicións de vantaxe para entrar na Sociedade da Información e nas Novas Tecnoloxías e unha mellora exponencial da nosa competitividade de cara ó futuro». Tamén fixo especial fincapé no «importante papel que desempeñou a Xunta de Galicia, a través da empresa pública Retegal, neste proxecto», xa que, matizou, «a perfecta sintonía entre ambas institucións, Deputación e Xunta, fixo posible un importante aforro ós cidadáns e permitiu que cunha inversión de 7,4 millóns de euros internet estea por fin ó alcance de todos».

Modificado o (Xoves, 18 Novembro 2010 12:43)